Saturday 11 de May de 2024

A Capela do Pico Sacro acolle este sábado 2 de xuño a proxección do audiovisual  ‘Lupa, na procura do mito da Raíña Loba’


A actividade, de carácter gratuíto e incluída no ciclo ‘Un mes e Pico’, completarase cunha degustación da cervexa

O programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e da Sacralidade do Pico Sacro continúa a súa andaina este sábado 2 de xuño coa proxección dun audiovisual. A cita terá lugar ás 19.00 horas na Capela de San Sebastián.

A presentación do documental Lupa, na procura do mito da Raíña Loba estará presidida polo alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, polo director do audiovisual, Rafael Quintía, e parte do seu equipo. O Concello de Boqueixón colabora nesta produción, xa que, en verbas do rexedor, “pretende a divulgación do patrimonio cultural de Galicia. Ademais, este audiovisual está directamente vinculado ao Pico Sacro, centro en torno ao cal xira toda a programación do ciclo cultural que ofreceremos ata o próximo 29 de xuño”.

O documental presenta unha aventura coa que se percorre todo o país na procura dun dos mitos máis significativos da cultura galega en xeral e da cultura de Boqueixón e do Pico Sacro, en particular: o mito da Raíña Lupa e o mito da traslación do apóstolo Santiago. No audiovisual realízase unha viaxe fascinante patrimonio material e inmaterial, montes sagrados, covas misteriosas, cidades asolagadas e moitas das paisaxes naturais e míticas que fan de Galicia unha auténtica xoia cultural. Especial importancia en todo este percorrido, como fito histórico e referente na cultura xacobea, ten o Pico Sacro, escenario natural onde tiveron lugar algún dos feitos máis relevantes da Lenda da Raíña Lupa. Precisamente esta é unha das temáticas que sobre as que se afondará no ciclo Un mes e Pico.

A proxección do audiovisual Lupa, na procura do mito da Raíña Loba concluirá cunha degustación gratuíta de cervexa Nasa. Esta terá lugar no exterior da Capela de San Sebastián.

Por motivos de organización e polo aforo limitado, é preciso formalizar unha inscrición previa para poder asistir a esta actividade. Esta deberase realizar no Departamento de Emprego, Formación e Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com).